mércores, 19 de xullo de 2017

Presentación do Número 4 da Revista TERRAS DO ORTEGAL

Foto: Antonio Mtnez. Pernas




Mañá xoves, 20 de xullo ás 8.30 da tarde, no antiguo Hospital de San Roque de Ortigueira teremos a presentación do número 4 (2017) da revista TERRAS DO ORTEGAL, que xa está presente nas libraría da zona desde hai uns días. O número conta cun dossier de 6 artigos adicado ao concello de Mañón, que se reflexa na portada que ten unha fermosa fotografía de Antonio Martínez Pernas.

Xa van catro anos dunha aventura que comezou en 2014, co número 1 desta revista de estudos que quere difundir e estudar a cultura e a historia dunha comarca rica nestes valores.
Estamos contentos e agradecidos a todos os autores que confiaron na nosa revista, a todos os lectores que mostraron interese nesta publicación, e sobre todo a todas as persoas que se fixeron socias da asociación, pois foron os piares imprescindibles para que a revista chegase a nacer.
Na presentación estarán varias das persoas que colaboran neste número, como Obdulia Dopico, que falará da experiencia da editorial O Paporroibo nos anos 90 do pasado século, José Manuel Bouzamayor, que falará da breve vida co concello de San Adrián de Veiga (entre 1835 e 1849), o Emilio Castro, que falará do mestre Rafael Fernández Casas, un recoñecido mestre da escola laica da Devesana nos anos 20 e Carmen Loureiro, que falará da "desmemoria histórica".
Acompañaranos tamén José Manuel Bermúdez, que ten un extenso traballo sobre os carpinteiros de ribeira da ría de Ortigueira e Carlos Breixo, Cronista Oficial, que coordinará a presentación do acto.
O acto está aberto a todas as persoas interesadas.
Previamente, ás 7 da tarde, no mesmo local terá lugar a Asemblea Xeral 2017 da asociación  TERRAS DO ORTEGAL, á que poderán asistir as persoas que teñan a condición de socias da entidade ou calquera que se inscriba nese momento.

sábado, 1 de xullo de 2017

Presentación da triloxía Zarcos, de Obdulia Dopico


Foto: Álvaro F. Polo



A escritora Luli Dopico ten xa unha longa experiencia de anos como escritora, pero os seus primeiros libros, publicados nos anos 90, non foran presentados públicamente, por diversos motivos, entre eles a intensa adicación que tivo que facer na asociación e edicións O Paporroibo, precisamente para impulsar que outros publicaran os seus libros.

Pero nalgún momento chega o ocasión, e o pasado xoves, 29, Luli decidiu presentar a triloxía Zarcos, composta polas novelas Querida Azul, Diario de Ana e Confesiones de S. O lugar escollido foi a Biblioteca Municipal de Ortigueira, un espazo sempre acolledor grazas á disposición da directora María José e da auxiliar Mónica.
Acompañaban á autora Vanesa Trevín, concelleira de Patrimonio e María del Mar Fernández Polo, compañeira nas lides educactivos no colexio público de Ortigueira.


Vanesa fixo unha presentación emotiva, declarándose admiradora de Luli polo seu labor cultural, sobre todo desde que lle fixo unha entrevista sobre o Paporroibo para un traballo académico. María del Mar fixo unha intervención máis espontánea, se ben leída, informando a todos os presentes da recente xubilación de Luli como profesora, ao rematar o curso escolar estes pasados días.

inalmente a escritora foi presentando os 3 libros, os dous primeiros impresos en Logroño grazas á intervención do seu amigo Alberto Mera Meizoso (autor dunha curiosa obra sobre as Naves Celtas). Nunha mostra da sua experiencia didáctica, dibuxou nunha pizarra o triángulo amoroso que explicaba a trama seguida nas tres novelas. Luli describiu con simpatía como foi o proceso de creación e de publicación, indicando que a primeira novela, Querida Azul, está esgotada, pero poden atoparse exemplares para préstamo na Biblioteca.
As outras dúas obras, Diario de Ana e Confesiones de S., están á venda nas librarías.
Finalizamos desexando á nosa amiga Luli que goce dunha merecida xubilación... e que se adique a escribir. Agardamos aínda moitos froitos da súa man!