martes, 24 de xaneiro de 2017

Novo traballo de Carlos Breixo sobre a historia das Pontes





O Cronista Oficial de Ortigueira, Carlos Breixo, segue dando mostras da sua capacidade de traballo e coñecementos cun novo traballo sobre a historia dunha das localidades cercanas a Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez.

Trátase do artigo "A vila das Pontes e algunhas parroquias da sua xurisdicción nunha visita do ano 1670", publicado no número 9 da revista anual HUME, presentada no pasado mes de decembro na vila eumesa.
O traballo, moi interesante e importante, describe a visita realizada á vila das Pontes o 30 de maio de 1670 por D. Luis Tello de Olivares, bispo de Mondoñedo (unha dignidade, por certo, da que pouco puido disfrutar, pois morreu ao ano seguinte). Pero Breixo, coa sua habitual mestría, aproveita para contextualizar a época, dar datos sobre a as parroquias, os beneficios eclesiásticos e arciprestasgos existentes nun ameno traballo onde as referencias ás comarcas cercanas como a do Ortegal son constantes.
Non é o único traballo publicado polo noso investigador últimamente; en próximas datas daremos conta doutro publicado noutro medio; en todo caso queremos felicitalo polo seu novo froito de investigación.

Ao tempo, queremos louvar o traballo da revista HUME, impulsada pola asociación do mesmo nome, que ofrece neste número 9 unha mostra máis da ilusión que impulsou o nacemento da revista en 2008. Así este número contén sete traballos, dos que podemos destacar o de Anxo Rosende "O agrarismo ortegano, o "pitismo" e As Pontes"; tamén merece atención "As Pontes na historia; escolma de documentos", de Cesar Candelas, e outros que conforman unha revista que segue sendo un espello onde TERRAS DO ORTEGAL debe mirarse para coñecer o bo camiño.