luns, 12 de setembro de 2016

Boa acollida do Nº 3 da revista TERRAS DO ORTEGAL

.

O pasado venres, 9 de setembro, tivo lugar en Ortigueira a presentación do número 3 (2016) de TERRAS DO ORTEGAL. O acto desenvolveuse no salón de actos da Fundación Ortegalia, que unha vez máis colaborou nas actividades da nosa asociación.

Na fotografía podemos ver aos participantes no acto, todos autores dalgún dos artigos da revista; de esquerda a dereita: Manuel López Foxo, Xosé Manuel Sierra, Carlos Breixo, Xaquín de Roca e Javier Martínez Prieto.
Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, e autor dun amplo estudo sobre "A xénese da Vila de Santa Marta", fixo unha presentación xeral dos artigos da revista e dando paso aos diferentes relatores da mesa.

Comezou por Xaquin Campo Freire, "Xaquín de Roca", hoxe párroco de Mandiá (Ferrol) e persoa de fonda formación e compromiso social, quen relatou as vivencias de Ortigueira en 1966, cando el estaba destinado como coadxuctor na parroquia; o seu artigo "Aquela Ortigueira naquel mundo en cambio". Seguiu Xosé Manuel Sierra, "Chema de Couzadoiro", autor dun estudo sobre "Unha parroquia do Ortegal: Couzadoiro", que en adiante será de consulta obrigada. Manuel L. Foxo, autor dun retrato sobre o anterior director de La Voz de Ortigueira "Detras del mostrador: David Fojo Salgueiro", un retrato emotivo e sinceiro sobre o anterior director de La Voz de Ortigueira. Finalmente interveu Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, que fixo un relatorio sobre a case desaparecida parroquia de Mosteiro, amosando noi acto unha fermosa campaíña de bronce de principios do século XVI pertencente á citada parroquia.

No coloquio posterior tratáronse diversos temas, entre eles o futuro de Ortigueira poñendo en valor o seu patrimonio ou a posibilidade de recuperar a parroquial de Mosteiro.

Moitos dos asistentes ao acto adquiriron a revista, que recibeu os parabéns pola calidade e variedade dos traballos.
Debemos lembrar que a revista está á venda a 12 € nas librerías de Ortigueira, Cariño, Cedeira e O Vicedo, con notable éxito, pois está próxima a esgotarse a tiraxe de 300 exemplares que se ten feito deste número 3.





martes, 6 de setembro de 2016

Presentación en Ortigueira do Nº 3 de TERRAS DO ORTEGAL

.
(c) Foto: Juan Ínsua


Un ano máis, e xa van tres, temos o pracer de anunciar a presentación do nº 3 da revista TERRAS DO ORTEGAL.
Será en Ortigueira,  o próximo venres, 9 de setembro, ás 8 da tarde no salón de actos da Fundación ORTEGALIA, á que agradecemos a súa colaboración.

Na presentación, coordinada por Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira participarán varios dos auotores que participan neste número, como José Manuel Sierra Pernas, Xaquín de Roca, Fco. Javier Martinez Prieto e Manuel López Foxo.

 O evento contínua a xeira de presentacións realizadas na comarca; así foi o 11 de agosto no Barqueiro, e o pasado venres, 2 de setembro en Cariño. Máis adiante quedará facelo en Cerdido e en Cedeira.

No acto, entregarase a revista aos/ás socios/as da entidade editora.
A revista pode atoparse nas librerías de Ortigueira, así como nas de Cariño e Cedeira.