martes, 20 de decembro de 2016

Presentación do libro O SEGREDO DA RUNA, de Luli Dopico, primeiro libro de Terras do Ortegal

Foto: Álvaro F. Polo



A asociación Terras do Ortegal, editora da revista anual de igual nome, que xa vai polo Nº 3 (2016), inicia unha nova singradura coa publicación do libro "O segredo da runa", da coñecida escritora Obdulia Dopico.

O libro será presentado este venres, día 23 de decembro, ás sete da tarde, na sede da Fundación Ortegalia.
 “O Segredo da Runa”, a unha nova novela de Luli Dopico, está ambientada en Ortigueira, en lugares emblemáticos da nosa Vila durante un dos  primeiros Festivais do Mundo Celta; está adicada pola autora aos fundadores do Festival, á Voz de Ortigueira no seu Centenario e a todas as xentes de Ortigueira.
Ademáis do relato en si, a obra está enriquecida con varias  imaxes do experto  fotógrafo Álvaro Fernández Polo, que é autor asimesmo dun interesante prólogo.

No acto, que dará comezo á 7 da tarde,  intervirán Carmiña Loureiro, Charo Suárez, Xavier Martínez Prieto, persoas interesadas no mundo da cultura nos seus diversos aspectos, e propia autora, Luli Dopico. Durante a presentación proxectarase un vídeo con imaxes dos lugares por onde discorre o entramado do relato.
Foto: Álvaro F. Polo

Obdulia Dopico
Nace na parroquia de Landrove (Viveiro) no ano 1951. Estuda Maxisterio en Lugo e leva corenta anos vivindo en Ortigueira, onde imparte clases no Colexio Público “José María Lage”.
Ten escrito varios libros: o primeiro, titulado “A beira do Landro”, trátase duns contos que se publicaron na “Voz de Ortigueira” e que foron recollidos nunha separata por don David Fojo Salgueiro, no ano 1993. Con posterioridade publicou a triloxía “Zarcos”, tres libros que levan os títulos de: “Querida Azul” (esgotado), “Diario de Ana” e “Confesiones de S.”.
Foi  Presidenta da Asociación das “Amas de Casa” e Secretaria de “O Paporroibo”, Asociación Cultural dedicada ás letras do Ortegal. En 1996 gaña o premio “Curuxa do Humor” de Fene co relato “Setembro”. Tamén foi membro da Universidade Popular de Verán de Ortigueira e participou en obras de teatro con Luís Alonso Santiago e co grupo “Ultreia”.
Actualmente colabora cos dous Semanarios máis antigos de Galicia, centenarios xa: “El Heraldo de Vivero” e “La Voz de Ortigueira”. Neste último fixo una ardua tarefa de investigación, resumindo as “Crónicas” da vila dende o ano 1916 ata o 2000.
No 2014 quedou finalista do concurso “Novela por entregas do verán”, da Voz de Galicia, co relato “A pena das calandras”, ambientada en Viveiro. Este verán (2016) ven de quedar finalista por segunda vez no mesmo concurso cunha novela titulada “O segredo da runa”, ambientada nun dos primeiros festivais internacionais do Mundo Celta de Ortigueira, plasmando na trama a xeografía de lugares coñecidos por todos, e inspirada en  personaxes reais e ficticios da comarca. Esta vez a autora quere amosarlle ás xentes de Ortigueira a súa gratitude, intentando situar á vila ortigueiresa no mapa literario das letras galegas.

mércores, 2 de novembro de 2016

Presentación da revista TERRAS DO ORTEGAL en Cedeira





É  un pracer anunciar que mañá xoves, 4 de novembro, presentaremos en CEDEIRA o número 3 da revista. Temos que agradecer ao concello de Cedeira e en especial á concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez, a colaboración para poder celebrar este acto, que se celebrará no Palacete Municipal ás 20.00 h.



O acto contará coa participación de:
-        -  Vanesa Trevin, vogal da asociación, arqueóloga e concelleira de Patrimonio de Ortigueira
-         -  Javier Martínez Prieto, vogal da asociación, investigador e párroco de Santa Marta de Ortigueira.
-          -  Carlos Breixo, historiador e Cronista Oficial de Ortigueira
-          -  Rafael Usero, historiador e Cronista Oficial de Cedeira
Trátase da primeira vez, nos tres anos de vida da revista que se fai unha presentación en Cedeira, e que coincide coa presenza das revistas nas librerías de Cedeira, onde se poden atopar tanto o número 3, correspondente a este ano 2016, como os 2 anteriores, correspondentes a 2014 e 2015

PD.: Distribución da revista

Aproveitamos para informar que desde a semana pasada a revista está presente tamén en Viveiro (librería Porta da Vila), ampliando os puntos de ventas que existían ata agora:
- Cariño (lib Abrente e lib Agarimo)
- Cedeira (Lib La Paz e Lib Margaride)
- Ortigueira (Lib Fojo, Lib Ramos e Lib 3es) 
- Vicedo (Lib Abrela)
ás que agradecemos a sua colaboración.

sábado, 29 de outubro de 2016

TERRAS DO ORTEGAL reforza a súa directiva co investigador Javier Martínez Prieto e anuncia a edición do primeiro libro e dun boletín cultural

.
Tertulia Chema Leal sobre os muiños

Na Asemblea Xeral 2016 da asociación  TERRAS DO ORTEGAL, celebrada este mes, tomáronse as seguintes decisións:

1. En primeiro lugar, aprobar a integración na Directiva de Javier Martínez Prieto, actual párroco de Santa Marta e destacado investigador, que colaborador en varios dos números da revista. Ademáis doutros méritos, cabe citar que foi fundador e primeiro presidente da asociación HUME, de As Pontes, editora da revista de igual nome -que xa vai polo seu número VIII- adicada a temas culturais e históricos como a nosa.

2. Tomar a decisión de publicar un libro de relatos dunha escritora de Ortigueira, que aparecerá no mes de Nadal. Trátase unha nova singradura da asociación, na que se pretenden difundir tanto obras de ficción de autores da zona como textos de ensaio que pola súa extensión ou características aconsellen a sua edición individualizada.

3. Iniciar a publicación dun Boletín cultural de frecuencia trimestral, na que se den conta das actividades das asociacións e colectivos culturais da zona. O Boletín estará coordinado por María Quintianaxornalista especializada en comunicación. O primeiro número aparecerá tamén no mes de Nadal.

4. Continuar co ciclo de tertulias de temática cultural e social, a útima das cales estiuvo a cargo do investigador Xosé Mª Leal, que versou sobre “Os muíños e a posta en valor do patrimonio. O caso das Terras de Ortegal” e que se celebrou o pasado 14 de outubro, con asistencia notable (véxase foto), na fundación Ortegalia, colaboradora da asociación.

Finalmente, aprobáronse os gastos e ingresos realizados en 2015, que tiveron un resultado moi positivo, así como o rozamento de 2016. De todo isto xa recibiron os/as socios/as cumprida conta.
Lembramos que calquer persoa pode facerse socio da entidade simplemente co pagamento dunha pequena cuota de 15 €/ano, que conleva a entrega gratuita da revista anual.


martes, 4 de outubro de 2016

Presentación de TERRAS DO ORTEGAL en Cerdido e Asemblea Xeral da asociación en Ortigueira

.

Esta semana teremos dous actos promovidos pola asociación Terras do Ortegal. En primeiro lugar, o próximo venres, 7  outubro terá lugar a presentación do número 3 da revista en Cerdido, grazas á colaboración do concello de Cerdido, e en concreto de Cándido Prieto, concelleiro nesa localidade.
A presentación é xa a cuarta que se realizada deste número da revista; antes, presentouse no Barqueiro, Cariño e Ortigueira. Todo isto conforme aos plans da asociación e da revista de difundir traballos de autores ou temas que pertenzan á comarca do Ortegal.

Neste número 3 hai só un artigo adicado directamente ao concello de Cerdido; trátase de "Percorrido pola toponimia de Cerdido", elaborado polo especialista Xosé Luis González, no que vai describindo e interpretando topónimos da freguesía da Barqueira, da de Cerdido, e da dos Casás. Así, no artigo van aparecendo nomes como Malados, As Barbelas, Rioforcado, Viladóniga... ou o propio Cerdido, dos que se da a orixe máis acaída, sempre -segundo o autor- coa intención de poñer en valor a riqueza toponímica de Galiza
O acto de presentación terá lugar na Casa da Cultura ás 8 da tarde.
----

Por outro lado, aproveitamos para informar de que pasado mañá xoves, 6 de outubro, terá lugar a Asemblea Xeral 2016 da asociación Terras do Ortegal, como xa foi convenientemente comunicado a todos os socios/as. Terá lugar ás 8 da tarde do xoves na cafetería do Centro de Visitantes, no Malecón de Ortigueira.
Na mesma darase conta das actividades realizadas pola entidade e das próximas a celebrar, que inclúen a edición dunha obra premiada nun Concurso literario para o mes de Nadal.


luns, 12 de setembro de 2016

Boa acollida do Nº 3 da revista TERRAS DO ORTEGAL

.

O pasado venres, 9 de setembro, tivo lugar en Ortigueira a presentación do número 3 (2016) de TERRAS DO ORTEGAL. O acto desenvolveuse no salón de actos da Fundación Ortegalia, que unha vez máis colaborou nas actividades da nosa asociación.

Na fotografía podemos ver aos participantes no acto, todos autores dalgún dos artigos da revista; de esquerda a dereita: Manuel López Foxo, Xosé Manuel Sierra, Carlos Breixo, Xaquín de Roca e Javier Martínez Prieto.
Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, e autor dun amplo estudo sobre "A xénese da Vila de Santa Marta", fixo unha presentación xeral dos artigos da revista e dando paso aos diferentes relatores da mesa.

Comezou por Xaquin Campo Freire, "Xaquín de Roca", hoxe párroco de Mandiá (Ferrol) e persoa de fonda formación e compromiso social, quen relatou as vivencias de Ortigueira en 1966, cando el estaba destinado como coadxuctor na parroquia; o seu artigo "Aquela Ortigueira naquel mundo en cambio". Seguiu Xosé Manuel Sierra, "Chema de Couzadoiro", autor dun estudo sobre "Unha parroquia do Ortegal: Couzadoiro", que en adiante será de consulta obrigada. Manuel L. Foxo, autor dun retrato sobre o anterior director de La Voz de Ortigueira "Detras del mostrador: David Fojo Salgueiro", un retrato emotivo e sinceiro sobre o anterior director de La Voz de Ortigueira. Finalmente interveu Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, que fixo un relatorio sobre a case desaparecida parroquia de Mosteiro, amosando noi acto unha fermosa campaíña de bronce de principios do século XVI pertencente á citada parroquia.

No coloquio posterior tratáronse diversos temas, entre eles o futuro de Ortigueira poñendo en valor o seu patrimonio ou a posibilidade de recuperar a parroquial de Mosteiro.

Moitos dos asistentes ao acto adquiriron a revista, que recibeu os parabéns pola calidade e variedade dos traballos.
Debemos lembrar que a revista está á venda a 12 € nas librerías de Ortigueira, Cariño, Cedeira e O Vicedo, con notable éxito, pois está próxima a esgotarse a tiraxe de 300 exemplares que se ten feito deste número 3.





martes, 6 de setembro de 2016

Presentación en Ortigueira do Nº 3 de TERRAS DO ORTEGAL

.
(c) Foto: Juan Ínsua


Un ano máis, e xa van tres, temos o pracer de anunciar a presentación do nº 3 da revista TERRAS DO ORTEGAL.
Será en Ortigueira,  o próximo venres, 9 de setembro, ás 8 da tarde no salón de actos da Fundación ORTEGALIA, á que agradecemos a súa colaboración.

Na presentación, coordinada por Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira participarán varios dos auotores que participan neste número, como José Manuel Sierra Pernas, Xaquín de Roca, Fco. Javier Martinez Prieto e Manuel López Foxo.

 O evento contínua a xeira de presentacións realizadas na comarca; así foi o 11 de agosto no Barqueiro, e o pasado venres, 2 de setembro en Cariño. Máis adiante quedará facelo en Cerdido e en Cedeira.

No acto, entregarase a revista aos/ás socios/as da entidade editora.
A revista pode atoparse nas librerías de Ortigueira, así como nas de Cariño e Cedeira.


martes, 26 de xullo de 2016

Exposición fotográfica AMAZIGH, de Jesús Manuel Giz Novo

.

O fotógrafo ortigueirés Jesús Manuel Giz Novo, Suso para os amigos, presentou na Galería IN, de Espasante a súa obra AMAZIGH, unha viaxe de realidade que puidemos ver na última quincena do mes de xullo. Amazigh é unha serie de fotografías a cor que Jesús Manuel tomou na súa viaxe ás dunas de Erg Chebbi, Marrakech e na fronteira de Marrocos con Arxelia, unha mostra que presenta paisaxes, mercados e retratos do pobo Amazigh, mais coñecido como o pobo bereber.

 Esta poboación está localizada no corazón do país, a súa lingua e cultura son milenarias e sempre foron discriminados e relegados a un segundo plano polo Islam.
"Desnudo". Propieddad Obdulia Dopico
                Jesús Manuel Giz Novo é Enxeñeiro Industrial de profesión, pero o que lle gusta é ser fotógrafo, plasmar a realidade da vida. A súa formación artística comeza na pintura no ano 1985, na Asociación Ortegana “Amigos del Arte”. No ano 2010 decide profundizar na fotografía dixital, participando en numerosos cursos, talleres e seminarios. Na actualidade é membro de Expofoto Galicia, Posición B e de Galioart (Ortigueira), onde colabora na realización e organización de talleres, como o que realizaron no último Festival Celta, a pé de rúa.
                O seu próximo traballo será unha reportaxe fotográfica sobre as Terras do Ortegal, segundo anunciou na presentación de Amazigh, na que estivo rodeado de familiares e amigos que o felicitaron pola beleza e impacto das instantáneas realizadas en Marrocos.

                

xoves, 16 de xuño de 2016

Tertulia sobre Novos Museos do Mar en Cariño e Cedeira: o exemplo do museo Massó (Bueu)

.
A cuarta das tertulias que leva organizado a asociación TERRAS DO ORTEGAL, celebrada o venres 10 de xuño de 2016 no salón de actos da Fundación Ortegalia, tratou sobre os novos museos do mar que se están poñendo en marcha na comarca, en concreto en Cariño e Cedeira.
Contouse coa presenza de:

  • Covadonga López de Prado, Directora do Museo Massó
  • José Antonio Rodríguez Arribe, Secretario Asociación Mares de Cedeira (primeiro pola dereita na foto)
  • Emilio Ramil, arqueólogo, Cariño (primeiro pola esquerda).

O acto, que deu comenzo ás 20.00 h, foi presentado por José Manuel Bouzamaior (segundo pola esquerda na fotografía), vicepresidente de TERRAS DO ORTEGAL, que deu a palabra a José Antonio Rodríguez ("Jose de Vigo") que relatou cun entusiasmo extraordinario os pasos que levan dado desde hai anos para poñer en marcha este museo, que está previsto que abra as súas portas no próximo mes de xullo; con moi bon criterio, declarou que o obxectivo fundamental do museo é a comunidade da zona, en especial os nenos, moitos dos cales non sabes hoxe case nada do oficio que desempeñaron os seus pais e avós.


Emilio Ramil deu conta dos pasos da iniciativa -menos avanzada- que se deron nos últimos dous anos por un grupo de catro persoas da vida social de Cariño para difundir a necesidade de crear un museo que conserve a memoria da vila. Falou dos contactos e reunións coa anterior corporación municipal e  con Portos de Galicia para a cesión dunha nave onde instalar o museo, pero recoñeceu que co cambio de goberno derivado das elecións municipais do pasado ano hai un impasse na iniciativa, que debe ser asumidas agora pola nova corporación.

Pola súa parte, Covadonga López de Prado, directora do prestixioso museo Massó de Bueu (Pontevedra) e persoa experta de longo recorrido na museística, fixo a presentación máis extensa, falando por un lado do proceso de creación dun museo, do obxectivo que debe ter, das pezas que debe expoñer ou non, de como deben ser os pasos, focalizando na importancia do proxecto de museo, que personalice e identifique ao novo museo fronte a outros.
Nunha segunda parte falou do propio museo Massó, contando a sua historia, que fixo as delicias dos asistentes, relatando a importancia da conserveira Massó na primeira mitade do século XX, que a convertía na primeira empresa do sector en Europa, a participación dos Massó na pesca de baleas no século XX, hoxe lembrada nunha magnífica exposición temporal que acolle o museo de Bueu.

O coloquio final foi asimismo moi animado entre todos os relatores e o público. Covadonga comprometeu o seu apoio e asesoramento -lembrou que o museo desde mediados dos anos 90 está baixo a titularidade da Xunta de Galicia- aos dous proxectos.








xoves, 12 de maio de 2016

Acto sobre Manuel María no Teatro de Beneficencia

.




O poeta chairego Manuel María é o elexido este ano 2016 para celebrar o Día das Letras Galegas. 
O acto que organiza o Concello de Ortigueira terá lugar no Teatro de Beneficencia o próximo venres, 13 de maio, ás 20.00 h.

O acto contará inicialmente cunha disertación sobre a poesía Manuel María a cargo de Manuel López Foxo,  ortigueirés de San Claudio, divulgador cultural como gusta chamars,e e especialista na obra do autor homenaxeado, co que fixo amizade.
A continuación haberá outra charla de Carlos Diéguez Beltrán, director da Escola de Música de Ortigueira titulada "Lembranzas de Manuel María".
Como moitos saben, Carlos Diéguez, ata hai pouco tamén Director da Banda Municipal de Ortigueira, é natural de Monforte, onde traballaba e vivía  o poeta, polo que terá tamén vivencias moi cercanas.
O acto finalizará coa intervención de tres agrupacións vogais:
- Coro infantil da Escola de Música de Ortigueira
- Coro de Adultos da Escola de Música de Ortigueira
- Coro do IES de Ortigueira.
Unha celebración completa, coa unión da música e a poesía, que agardamos sexa todo un éxito e que esté acompañado dunha asistencia importante do pobo de Ortigueira.


Manuel López Foxo.
Comezou a colaborar na prensa aos dezasete anos, cultivando 
preferentemente  o xornalismo cultural. As súas primeiras colaboracións foron nos anos setenta en “La Voz de Ortigueira” e nas páxinas culturais de “El Ideal Gallego” e  “A Nosa Terra”. Por esa mesma época  impulsou a creación da Asociación Cultural Ramón Cabanillas e a recuperación de figuras como Ramón Armada Teixeiro ou Federico Maciñeira.  Foi, asimesmo, cofundador de Edicións O Paporroibo e coordinador xeral da Universidade Popular de Ortigueira, pola que pasaron as principais personalidades da cultura galega e figuras como José Luís Sampedro. Entre os seus traballos cómpre destacar “Ortigueira na cultura galega”, “O país de nós”, “Os vellos. A memoria da vida e unha cultura que se perde”  e “Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995)”.


luns, 18 de abril de 2016

TERRAS DO ORTEGAL comeza a distribuirse en Cedeira

.



A revista TERRAS DO ORTEGAL segue ampliando a sua rede de distribución na comarca.

Desde esta semana, a revista está xa disponible nas librerías de Cedeira, onde se poden mercar tanto o número actual, o número 2, como o primeiro número, ao prezo de 12 € cada exemplar

Os puntos onde se pode atopar son:
- Librería LA PAZ, ubicada na avenida Castelao, nº 1. Cedeira.
- Librería MARGARIDE,  situada  na avenida Castelao, nº 41. Cedeira.
O número 2, cuxo dossier central está adicado ao concello de Cariño, ten varios artigos relacionados con Cedeira, como o proxecto de Xeoparque de cabo Ortegal, ou o adicado ao deslinde en 1940 da Capelada entre Cedeira e Ortigueira (hoxe Cariño).
O sumario completo do número 2 pode consultarse aquí.


Como é sabido, a revista ten unha frecuencia anual, polo que a mediados de este ano 2016, en xuño-xullo sairá o número 3.
Respostando á súa idea de acoller traballos da comarca xeográfica do Ortegal, está aberta a recibir orixinais que traten da temas culturais ou históricos referentes a Cedeira. Para calquer cousa, está aberto un correo electrónico de contacto: revista.ortegal@gmail.com

mércores, 13 de abril de 2016

Conferencia do Profesor Juan Luis Montero Fenollós


Este venres, ás 20:00 horas, no salón de actos  da Fundación Ortegalia, terá lugar a conferencia "Borrando as Primeiras Páxinas da nosa Historia. A Destrucción do Patrimonio Arqueolóxico en Siria", do profesor da Universidade da Coruña Juan Luis Montero Fenollós, organizada pola Concellería de Patrimonio e Paisaxe de Ortigueira.













Juan Luis Montero Fenollós é Doutor en Historia pola Universitat de Barcelona. Actualmente é profesor de Historia Antiga na Facultade de Humanidades e Documentación. Na Universidade da Coruña. Durante dez anos, estivo á fronte dun equipo internacional de arqueólogos traballando en Siria.

xoves, 7 de abril de 2016

Tertulia con Antón Luaces, ex director de "Españoles en la Mar"

.

"Ondas de mar e Radio. A experiencia de "Españoles en la Mar".

Ese é o título da charla que efectuará Antón Luaces Teixido, xornalista cariñés o próximo venres, 8 de abril na fundación ORTEGALIA. O acto, que comezará ás 8 da tarde, está organizado pola asociación TERRAS DO ORTEGAL, editora da revista de igual nome, e será presentado por Francisco Bermúdez, técnico do equipo de prácticos do porto da Coruña

Antón Luaces é un xornalista de longo recorrido; actualmente xubilado como traballador de RNE, segue colaborando como xornalista en radio e prensa escrita.
No seu amplo currículo podemos salientar o seguinte:
  • Director de RNE en Galicia.
  • Director territorial de Radio Cadena Española en Galicia
  • Xefe de Informativos de RNE-Galicia e RCE en Galicia, e .
  • Director e presentador de programas como "Costa Norte", en Radio Cadena Española; "Españoles en la Mar", en Radio Exterior de España (RNE);  "Pasión por América" (en Radio 5 de RNE), "Mar adentro" (Radio 5), "Campo y Mar" (Radio 5 y RNE). 
  • Actualmente xubilado, segue a colaborar en xornais como "La Opinión", "Faro de Vigo" e "Mundiario", e participa nunha tertulia de Radio Coruña-Cadena SER. 
Todo é un luxo ter entre nós a unha persoa como Antón Luaces, cuxa voz resulta familiar a todos cantos son oui foron ointes de radio, e moi especialmente por mariñeiros e mercantes de medio mundo, pois a traveso de Radio Exterior ten chegado aos máis lonxanos lugares do mundo
Invitamos a todos os que o desexen escoitar a  a que asistan a esta tertulia, que fai o número tres das xa organizadas pola asociación Terras do Ortegal.


luns, 4 de abril de 2016

Carlos Breixo e a xénese da nosa vila

.



O 23 de marzo, na acolledora sala da biblioteca municipal, o noso Cronista Oficial tivo a ben agasallarnos cunha conferencia que ben pode pasar por ser a primeira, dun xeito oficial, dende que foi nomeado para o cargo. O título dela, como non podía ser doutro xeito, tamén fala dun comezo, o da nosa vila alá polo século XIII.
Recordou Breixo que a nosa vila recibe este nome dende o ano 1255 ó través do Foro de Benavente, e subliñou a importancia que xa tiña, polos privilexios que lle foron concedidos e que ficaron reflectidos no porto, que xa tiña categoría internacional, sendo a madeira o principal produto a exportar; nas feiras das que gozaba e, tamén, coma non, na categoría de fillosdalgo dos poboadores de Ortigueira. Coma sempre, Breixo acompañou a amena conferencia con nomes relacionados con nós, facendo fincapé en Rodrigo Gómez de Trastámara, e datos, produtos do seu traballo de incansable investigador e, cos cales, foi quen de deseñar a nosa vila naquela época: o tamaño e a distribución dos muros do castelo, a ría, a torre do concello. Aproveitou para lembrar as figuras dos seus antecesores Federico Maciñeira, Julio Dávila e Laureano Álvarez, fontes nas que bebeu e que ten sempre no seu recordo.
Coma sempre, soubo a pouco, e desexamos que esta conferencia sexa a primeira dunha saga que nos vaia achegando á nosa vila actual, como se foi desenrolando e, deste xeito, nos facer partícipes das vivencias dos nosos devanceiros ata chegar ó que hoxe coñecemos e gozamos.
Entre os alí presentes distribuise, como agasallo, un libro editado por mor do nomeamento de Carlos Breixo como cronista o día 4 de abril de 2015; libro, ás claras, que tamén pasa a formar parte de esa historia que estamos a falar, e no cal, as palabras verquidas por Vicente Peña e o mesmo Breixo non deixan indiferente a ninguén que sexa ortegano de seu.

                                                                                             MANEL

luns, 28 de marzo de 2016

Presentación do libro do Cronista Oficial de Ortigueira

.
O pasado 23 de marzo, mércores, tivo lugar a presentación pública do libro de actas da toma de posesión de Carlos Breixo como Cronista Oficial do Concello, realizada hai xa certo tempo. 


O acto, presentado por Vanesa Trevín, Concelleira de Patrimonio e Paisaxe do concello ortegano, tivo lugar nas instalacións da fermosa Biblioteca Municipal de Ortigueira, e contou entre outros coa presenza do alcalde do municipio, Juan Penabad Muras, como se pode ver na imaxe.

Como moitos lembrarán, o nomeamento tivo lugar nos derradeiros meses da última corporación ortegana, poucas semanas antes das eleccións municipais celebradas o 24 de mayo de 2015.
O caderno recolle o expediente oficial do nomeamento e o discurso de eloxio sobre o novo cronista, elaborado polo profesor Vicente Peña, así como a resposta do Cronista. Inclúe fotografías do acto, e un anexo coas reseñas de prensa deses días.

Na presentación, o Cronista Oficial, aínda que non estaba anunciado, aproveitou para adianter un importante traballo que verá a luz no número 3 da revista TERRAS DO ORTEGAL, que sairá no próximo mes de xullo. Trátase de "Santa Marta no século XIII", no que da as claves dos primeiros anos da capital do Condado e na que achega datos fehacientes do paso polas nosas terras do "camiño francisco", isto é do Camiño de Santiago.

Trátase dunha reinvindicación importante, avalada por rigurosa documentación histórica, como corresponde ao bon facer do noso Cronista, que debería ser aproveitado polos políticos da comarca para esixir da Xunta de Galicia a inclusión destas terras no mapa dos camiños a Santiago.

xoves, 25 de febreiro de 2016

Iniciativas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, da que forma parte a Biblioteca Municipall de Ortigueira, ven de poñer en marcha dúas iniciativas de interese.
1. Novo catálogo colectivo, ao que se pode acceder aquí
2. Utilidade do carnet da Biblioteca de Ortigueira para acceder como usuario e ao préstamo de libros, películas e resto de materiais dunha longa xeira de bibliotecas galegas. Entre elas:

  • Bibliotecas municipais: Oleiros, Laxe, Sanxenxo, Ortigueira, Ferrol e Vigo (Neira Vilas)
  • Bibliotecas  públicas da Xunta de Galicia: Lugo, Ourense, Pontevedra   (BP Antonio Odriozola),  Vigo (BP Juan Compañel) , Santiago de Compostela  (BP Ánxel Casal) e A Coruña (BP Miguel González-Garcés).
É certo que faltan moitas outras, en especial de vilas máis pequenas; curiosamente no hai ningunha do nosa comarca do Ortegal. Pero todo se andará, este é un primeiro paso.

Ao catálogo poden acceder todas as persoas que teñan un código de usuario e contrasinal; os que non os teñan deben solicitalo na Biblioteca correspondente, algo ben sinxelo.
Aproveitamos para difundir un interesante e vistoso gráfico confeccionado polo persoal da biblioteca ortegana no que se recollen as cifras de libros prestados, usuarios, visitantes, etc.isto é a actividade durante o pasado ano 2015.