xoves, 22 de outubro de 2015

Visitar ao Pazo de Brandariz da asociación TERRAS DO ORTEGAL








O pasado sábado, 26 de setembro, a directiva da asociación TERRAS DO ORTEGAL  visitou o Pazo de Brandariz.

O pazo está ubicado  na parroquia de Luama, nos arredores do núcleo urbán de Ortigueira.
Achegáronse ao fermoso pazo tamén D. Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, e Emma Sandá, directora da Fundación Ortegalia

Todos eles foron recibidos pola propietaria, Josefa Teijeiro Castiñeiras, que permitiu o acceso dun grupo reducido de persoas. Na imaxe podemos vela cos anteriormente citados e con varios directivos da asociación: Manel Bouzamayor, Vanesa Trevín, Xosé María Torres e Rafael Rodríguez Teijeiro (familiar da propietaria e e que mediou nesta visita de carácter privado).
O paseo dentro do pazo foi guiado pola propietaria, que con axilidade xuvenil acompañou ao grupo polos cuidados xardíns, de deseño francés, as árbores centenarias, a capela adicada a San Miguel (cunha talla do farmacéutico e artista Pedro Castiñeiras), o emparrado de orixinal aspecto, e outros puntos de interese dentro da posesión. Incluso permitiu con carácter excepcional acceder ao interior do edificio, onde reside boa parte do ano.

Josefa Teijeiro relatou parte da historia do pazo, complementada en ocasións polo Cronista ortigueirés, Carlos Breixo, xa coñecedor do mesmo e estudoso da linaxe dos Ponce de León, ligados a esta propiedade, e polo párroco, D. Javier Martínez; pero tamén narrou múltiples anécdotas, que se viviron entre os muros da finca; algunhas destas tiveron relación cos dous escritores que ambientaron novelas no pazo: Elena Quiroga con «Viento del Norte»  (premio Nadal  1950), e Alberto Insúa con «El triunfo» (1909), un autor máis coñecido por «El negro que tenía el alma blanca»  (1922), traducida a varios idiomas e levada ao cinema en tres ocasións.
Unha visita, nun dia de outono espléndido, que TERRAS DO ORTEGAL pretende repetir, xa cun carácter público, noutros lugares próximamente.

(Publicado en La Voz de Ortigueira, nº 5.180, de 16 outubro 2015)




luns, 19 de outubro de 2015

Carlos Breixo reivindica o paso do Camiño de Santiago polo Ortegal



Nunha charla celebrada o pasado venres, 16 de outubro na Casa da Cultura da Abarqueira (Cerdido), o historiador Carlos Breixo reivindicou o paso do Camiño de Santiago polas terras o Ortegal e da Mariña occidental.

O investigador e Cronista Oficial de Ortigueira, que foi presentado por Cándido Prieto, Concelleiro de Facenda e Turismo de Cerdido, laiouse de que por algunha razón escura, cando se difundiu o fenómeno “xacobeo”, nos anos 90 do pasado século e nos primeiros anos deste, a Xunta de Galicia oficializou que o camiño norte francés, tralo paso por País Vasco, Cantabria e Asturias, entraba en Galicia por Ribadeo, onde pouco despois, nunha reviravolta extraña doblaba ata Mondoñedo e Vilalba, esquecendo –sen que os gobernantes da nosa zona fixeran nada- a nosa comarca.
Isto motivou que moitos investimentos e recursos económicos destinados á conservación dos camiños, execución de albergues, realización de guías, rotulación de camiños rurais, etc. fuxisen para outras zonas sen máis méritos que a nosa.
Carlos achegou na disertación documentos fehacientes como escritos e mapas; un exemplo foi unha acta do Concello de Ortigueira de 1692 –conservada no Arquivo Municipal de Ortigueira- que documenta o paso do “camino francés” (sic) a Santiago polas nosas estradas; achegou outros datos para reafirmar a súa posición, como publicacións do Cronista Oficial de Cedeira, Rafel Usero, e doutros investigadores.
Ao tempo, sen fuxir de polémicas, tachou de invento o chamado “Camiño Inglés” , suposta ruta entre Ferrol e Compostela, que nunca existiu.
Finalmente, alentou aos concellos da comarca –no acto estaban presentes entre o públicoos alcaldes de Cerdido e Cariño- e da Mariña occidental lucense, a facer esforzos comúns para reivindicar o que nos corresponde

sábado, 10 de outubro de 2015

Gravación de programa cultural da TVG en Ortigueira



O programa cultural RELANZOS, da TVG, desprazou un equipo de gravación esta semana a Ortigueira, para efectuar diversas entrevistas.
RELANZOS, que difunde a actividade cultural que se realiza nas vilas galegas está a gravar por todo o norte de Galicia (Viveiro, Mondoñedo, Ortigueira...), centrando a súa atención en aspectos culturais de diverso tipo.
O programa ten un formato no que unha persoa da vila fai de conductora, que se reune e fala con outras persoas. En Ortigueira a persoa elexida para ese papel de presentadora foi a arqueóloga Vanesa Trevín, directiva da asociación TERRAS DO ORTEGAL, editora da revista de igual nome, e que na actualidade é concelleria de Patrimonio e Paisaxismo.
O programa entrevistou a varias persoas do mundo da cultura local:
- D. Xavier Martínez Prieto, parroco da vila, sobre os valores da igrexa do ex-convento de Dominicos.
- Narciso Luaces, sobre o seu meritorio Museo Etnográfico de Meixido.
- Mari Carmen Fojo, directora do semanario LA VOZ DE ORTIGUEIRA, próximo a cumprir o centenario.
- Bernardo Penabade, profesor de Galego en Burela, sobre diversos temas culturais
- Xosé María Torres, farmacéutico, sobre os usos terapéuticos e alimentarios das ortigas e do libro do seu pai, Alfredo Torres, "Las Ortigas", editado hai anos.
O programa será emitido seguramente a partir do mes de febreiro, xa no ano  2016.