xoves, 22 de outubro de 2015

Visitar ao Pazo de Brandariz da asociación TERRAS DO ORTEGAL








O pasado sábado, 26 de setembro, a directiva da asociación TERRAS DO ORTEGAL  visitou o Pazo de Brandariz.

O pazo está ubicado  na parroquia de Luama, nos arredores do núcleo urbán de Ortigueira.
Achegáronse ao fermoso pazo tamén D. Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, e Emma Sandá, directora da Fundación Ortegalia

Todos eles foron recibidos pola propietaria, Josefa Teijeiro Castiñeiras, que permitiu o acceso dun grupo reducido de persoas. Na imaxe podemos vela cos anteriormente citados e con varios directivos da asociación: Manel Bouzamayor, Vanesa Trevín, Xosé María Torres e Rafael Rodríguez Teijeiro (familiar da propietaria e e que mediou nesta visita de carácter privado).
O paseo dentro do pazo foi guiado pola propietaria, que con axilidade xuvenil acompañou ao grupo polos cuidados xardíns, de deseño francés, as árbores centenarias, a capela adicada a San Miguel (cunha talla do farmacéutico e artista Pedro Castiñeiras), o emparrado de orixinal aspecto, e outros puntos de interese dentro da posesión. Incluso permitiu con carácter excepcional acceder ao interior do edificio, onde reside boa parte do ano.

Josefa Teijeiro relatou parte da historia do pazo, complementada en ocasións polo Cronista ortigueirés, Carlos Breixo, xa coñecedor do mesmo e estudoso da linaxe dos Ponce de León, ligados a esta propiedade, e polo párroco, D. Javier Martínez; pero tamén narrou múltiples anécdotas, que se viviron entre os muros da finca; algunhas destas tiveron relación cos dous escritores que ambientaron novelas no pazo: Elena Quiroga con «Viento del Norte»  (premio Nadal  1950), e Alberto Insúa con «El triunfo» (1909), un autor máis coñecido por «El negro que tenía el alma blanca»  (1922), traducida a varios idiomas e levada ao cinema en tres ocasións.
Unha visita, nun dia de outono espléndido, que TERRAS DO ORTEGAL pretende repetir, xa cun carácter público, noutros lugares próximamente.

(Publicado en La Voz de Ortigueira, nº 5.180, de 16 outubro 2015)




Ningún comentario:

Publicar un comentario