xoves, 24 de setembro de 2015

Éxito da presentación de TERRAS DO ORTEGAL en Mañón






O pasado sábado, 12 de setembro, tivo lugar no Barqueiro, no Salón de Actos da Casa do concello, a presentación do segundo número da revista TERRAS DO ORTEGAL.

 A organización correu a cargo da asociación NORDÉS, que ven organizando con regularidade  diferentes eventos de carácter sociocultural con notable éxito de participación. A presidenta deste colectivo, Leticia Breijo, graduada en Historia pola USC, presentou aos  participantes na mesa redonda: Bernardo Penabade, membro de Nordés, profesor no IES Perdouro de Burela e activista cultural da zona; Hixinio Puentes, escritor e investigador da historia de Mañón e da comarca, e Xosé María Torres, farmacéutico e presidente da asociación TERRAS DO ORTEGAL, editora da revista.
Bernardo fixo un canto ao interese da revista,  que ten como tema central ao concello de Cariño, ao que se lle dedican 6 dos 16 artigos cos que conta o número; todo iso sempre coas palabras afectuosas e de alento que acostuma a pronunciar, salientando a sua satisfacción pola saída deste segundo número, un chanzo máis para chegar aos 25 que considera que debe ter como mínimo una revista deste tipo. Destacou que neste número colaboraban 4 autores das terras do Sor (Mañón e Vicedo), una boa fornada para uns concellos pequenos.
Pola sua parte, Hixinio Puente, calificado por Penabade como Cronista de Mañón (non Cronista Oficial do Concello, que non o é, a pesares da proposta en tal sentido presentada en febreiro deste ano 2015 no Concello mañonés, pendente de resolver) ponderou a importancia dunha revista deste tipo na comarca, salientando que é a “curiosidade” a que move a moitos investigadores a interesarse por un determinado tema - e que permite fixar por escrito sucesos, persoaxes e outros datos que permiten rescatar do esquecemento a historia dunha zona.
Hixinio revelou que está a traballar na historia de Mañón, que comezará seguramente coa publicación dun traballo sobre a parroquia de Mogor, á que pertence O Barqueiro, capitalidade municipal; relatou asimesmo varias anécdotas en relación con Secundino Rivera, o pintor do Barqueiro falecido en 2013 e do que era amigo, e sobre o que escribeu unha pequena biografía neste número da revista, un artigo moi oportuno dada a homaxe que se lle tributou o pasado 29 de agosto en Mañón ao pintor.
Finalmente, Xosé María Torres, agradeceu a Nordés a oportunidade para difundir a revista, e salientou que incluso sen subvención oficiais e en época de crise é posible sacar adiante unha revista se hai colaboración por parte dos autores e dos colectivos culturais da zona. Avanzou varios proxectos da asociación TERRAS DO ORTEGAL  e informou que xa se está a traballar no número 3 da revista, a publicar en xullo de 2016 e que terá  como tema central a Idade Media no Ortegal, ademáis de artigos de temática variada que son un sinal de identidade da revista.

(Publicado en La Voz de Ortigueira, nº 5.176, do venres, 18 de setembro de 2015)

mércores, 9 de setembro de 2015

Presentación en Mañón da revista TERRAS DO ORTEGAL



Opróximo sábado, 12 de setembro ás 18.30 h,  terá lugar no Barqueiro (Mañón) a presentación do segundo número da revista TERRAS DO ORTEGAL.

O evento terá lugar no Salón de Actos da casa do Concello, na planta baixa do mesmo

A organización corre a cargo da asociación NORDÉS, a quen agradecemos unha vez máis a sua colaboración.
A revista iniciou o seu camiñar co número 1, en 2014, e este segundo número de 2015, que representa a continuidade do proxecto ten as seguintes características:
- 16 artigos e 205 páxinas, o que supera ao primeiro número, que acadaba 14 artigos e 180 páxinas
- Un dossier central, con 6 artigos, adicado ao concello de Cariño, que leva xa 27 anos de existencia.
- Un nivel de calidade alto, que é recoñecido por especialista na materia

O carácter semimonográfico preténdese manter para os seguintes número; o dossier poderá ser territorial, ou ben temático (a pesca no Ortegal, as construccións populares, a arquitectura relixiosa, etc.), pero sempre cunha mirada comarcal, refrendando o que indica o título da revista.

O prezo deste número é de 12 €.