venres, 19 de xuño de 2015

La Voz de Ortigueira cumpre 99 anos







La Voz de Ortigueira, a popular "berza", ven de cumprir o pasado 4 de xuño, 99 anos desde a súa aparición no xa lonxano ano 1916, 

Eran aqueles tempos de esplendor -e de emigración americana- en Ortigueira e coas fábricas de Cariño traballando sen descanso para os exércitos europeos inmersos na chamada "Gran Guerra".
Naquel tempo contaba Ortigueira cun taller de imprenta que xa levaba máis de 20 anos de funcionamento, e nese momento propiedade do empresario Jesús Fojo Díaz.
Xa saíran varias publicacións daquel taller, pero en 1916 decidiu sacar o seu propio periódico semanal, que titulou "La Voz de Ortigueira".
En 1965 colleu o relevo como director o seu fillo, David Fojo -a quen vemos na imaxe- aínda que xa levaba tempo traballando no semanario e posiblemente sendo o director na sombra, dada a idade avanzada do seu pai.



En 1995 collería o relevo como directora  María del Carmen Fojo Bouza, filla de David, nun ciclo que este ano -pasiño a pasiño- cumpre 20 anos.
Como citaba ao principio, neste 99 aniversario hai que mirar para o futuro,non para o pasado, e pensar no que pode dar a Ortigueira e a sua comarca un medio semanal impreso. Hai quen o considerará un medio obsoleto, impropio dos tempos modernos, outros simplemente o desprezarán por razóns diferentes, pero hai moita xente que considera que pode ter algún valor neste mundo dixital de principios do século XXI, se é quen de cumprir o obxectivo principal dun periódico: servir de información e de comunicación para os seus lectores.
Queda un ano para chegar ao Centenario. Sería bó que aquelas persoas dispostas, con ideas e capacidade, se puxeran á obra para organizar un evento que de lustre a toda a historia que ten detrás La Voz de Ortigueira e que ao tempo ilumine o camiño para o futuro que -agardamos- terá a popular "berza".