martes, 22 de xullo de 2014

Presentación Nº 1 da revista Terras do Ortegal


O próximo xoves, 24 de xullo, ás 7 da tarde, terá lugar na Fundación Ortegalia o acto de presentación da nova revista Terras do Ortegal, editada pola asociación constituida baixo o mesmo nome.
O número 1 da publicación, cunha extensión total de 180 páxinas e formato libro, acolle artigos de autores da comarca ou relacionados con ela, con traballos sobre a vida social, a historia, biografías de ilustres orteganos, ou de temas etnográficos, xeográficos e lingüísticos da zona, ademáis de achegas sobre temas artísticos, a música ou a banda deseñada.
Os artigos tratan temas que afectan aos concellos de Mañón, Ortigueira e Cariño; quedan para próximos números difundir artigos que poñan o foco tamén nos concellos de Cedeira e Cerdido, co que se cubriría todo o ámbito comarcal que quere abranguer a revista.
Os autores que participan neste primeiro número son: Teresa Bouza, Ramón Barro, Carlos Breixo, Carlos Diéguez, José Manuel Bouzamayor, Cristian Fojón Caruncho, Carlos López-Keller, Narciso Luaces, Bernardo Penabade, Alvaro Porto, Richard Smith e José Manuel Suárez. Todo un elenco de autores que dan lustre e prestixio a esta nova revista.
O acto de presentación, que comezará ás 7 da tarde, estará coordinado por José Manuel Bouzamayor, vicepresidente da Asociación, e autor, como se ten indicado, dun dos artigos deste primeiro número. Contará coa asistencia de varios dos autores, que farán unha breve disertación que esperamos goce da atención e o interese dos asistentes.
Ao final da presentación entregarase ás persoas inscritas como socios un exemplar da revista e poñerase á venda para calquer outra persoa interesada.